Anuncio

Colapsar
No hay anuncio todavía.

O discurso do odio espállase pola Galiza: medran as agresións contra o colectivo LGBT+

Colapsar
X
 
  • Filtrar
  • Tiempo
  • Mostrar
Limpiar Todo
nuevos mensajes

  • O discurso do odio espállase pola Galiza: medran as agresións contra o colectivo LGBT+

    bandera maricon.jpg
    Esta fin de semana vandalizáronse diferentes elementos do Campo de Caracacho, en Monterroso, onde cada mes de agosto decorre o festival internacional Agrocuir (Foto: Nós Diario).

    En apenas unha semana e media, coincidindo precisamente coas celebracións polo Día do Orgullo, inzaron por todo o país senllos actos vandálicos co obxectivo de insultar e ameazar as persoas homosexuais. As mensaxes de odio e as agresións, físicas e verbais, medran alentadas pola extrema dereita.


    "O de Samuel foi a crónica dunha morte anunciada". Así explica a Nós Diario a presidenta da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (Alas) da Coruña, Ana García Fernández, a escalada de violencia que semella estar a padecer o colectivo LGBT+. De confirmar as autoridades policiais definitivamente o móbil homófobo deste homicidio, sería o cumio dunha serie de accións vandálicas, agresións, insultos e ameazas decorridas en apenas dez días, precisamente en medio da semana do Orgullo.

    O pasado 26 de xuño, un veciño de Cabo de Cruz (Boiro) pendurou da súa fiestra a bandeira do arco da vella. Ao día seguinte apareceron no seu edificio pintadas cunha bandeira do Estado español e o lema "Casa do maricón".

    Na madrugada do 27, un matrimonio homosexual que camiñaba por unha rúa coruñesa foi agredida cunha porra extensíbel por un home, xa identificado, ao berro de "maricones".

    , na pasada fin de semana, unha vaga de accións homófobas axexou todo o país: unha bandeira arco iris rota e queimada na Coruña, as instalacións do Campo de Caracacho —lugar onde cada ano decorre o festival internacional Agrocuir de Monterroso— vandalizadas con senllas pintadas, un graffiti coa mensaxe "maricón muerto, abono para mi huerto" na porta de entrada do IES Xosé Neira Vilas de Oleiros, unha agresión física e verbal a unha muller transexual que paseaba polo compostelán barrio de San Pedro...


    Medran os delitos de odio


    Segundo un informe do Ministerio do Interior, na Galiza tívose constancia en 2019 de 76 de delitos de odio, o dobre que o ano anterior (42), un de cada seis —doce en 2019— motivados pola orientación ou identidade sexual da vítima. Un de cada catro —124 de 412— desde 2013.

    Á presidenta de Alas A Coruña non lle sorprende esta repunta: "Os discursos de odio alentados desde os partidos da extrema dereita, pronunciados directamente desde as institucións públicas, son un factor chave. Cremos que a sociedade galega é diversa e respectuosa, e en parte é certo, mais as mensaxes de odio sempre están aí, e algunhas persoas que agardaban o seu momento para saír vense agora referendadas nestes partidos, porque antes non tiñan esa posibilidade".

    "Lexitímanse desde as institucións os discursos de odio. Cousas que antes non se podían dicir agora hai partidos que si as din, como que as persoas trans están enfermas. Tamén hai partidos supostamente de esquerdas que dixeron que a Lei Trans era perigosa para as mulleres", engade Xandre Garrido, responsábel de organización de Avante LGBT+.

    Para el, no que concirne aos dereitos do colectivo logrados nas últimas décadas, estamos ante un punto de inflexión: "Se deixamos de loitar, podemos volver atrás e perder todo o conseguido; se seguimos loitando, imos avanzar cara a unha época mellor, e é chave que toda a sociedade condene a violencia contra as persoas LGBT+", afirma.

    Tamén Ana García coincide neste punto: "Moita xente cre que este tipo de violencia non vai con eles, que se non son do colectivo LGBT+ non lles afecta. Mais, se algo positivo pode saír de todo isto, por respecto a Samuel, é que a sociedade se implique contra o odio e a violencia, porque é un problema social que atinxe a todo o mundo".

    De se esclarecer finalmente a motivación homófoba do asasinato de Samuel Luiz, sería o primeiro crime de odio contra unha persoa LGBT+ no país desde 2006, cando un home asasinara en Vigo unha parella gai. "Haberá que agardar ás investigacións, mais desde o primeiro intre voces do seu círculo íntimo xa apuntaban a que isto era así. Con outros tipos de violencia non acontece o mesmo, mais no noso caso sempre se nos pide moita cautela, ponse en dúbida e pídense moitas probas. Mais, evidentemente, respectamos o labor da Xustiza e agardaremos a que faga o seu traballo para esclarecelo", engade García, quen, aos sus 33 anos, non lembra "nada semellante na Galiza".

    "O colectivo vai sempre xunto, e no momento en que atacas unha parte, todos sufrimos as consecuencias", salienta Garrido, que tamén pon o foco no aumento da violencia contra as persoas migrantes: "Sempre se ataca as máis débiles. No caso de Samuel cando saíu a nova algúns empezaron a sinalar se eran estranxeiros, e nós non imos permitir as condutas racistas", conclúe o activista de Avante LGBT+.

    Fonte: https://www.nosdiario.gal/articulo/s...xT46zdDw-HPlkA
Trabajando...
X